22 de decembro de 2015

ENTREGA DE PREMIOS

Hoxe tivo lugar na biblioteca a entrega de premios do calendario, que como sabedes este ano está adicado a Manuel Marría. Noraboa a todos por participar, especialmente aos gañadores!

9 de decembro de 2015

MANUEL MARÍA E O MEDO

Dado que este ano o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas é Manuel María, imos traballar sobre a súa obra e figura ao longo de todo o curso.
Comezamos, aproveitando o tempo de Samaín e Halloween, a investigar sobre Manuel María e o medo. Así escollemos o seu poema O LOBO para facer un poema-puzzle colaborativo entre tódolos cursos do centro: Infantil, Primaria e Secundaria. Ademáis, con anaquiños de papeis fixemos un cartel có lobo de protagonista, no que colaboraron moitos nenos e nenas. Graciñas ao profe Víctor por facernos a silueta do lobo. Mirade que chulo quedou!!!




2 de decembro de 2015

MURAL DE OUTONO

Mirade que mural máis bonito fixeron os nenos e nenas para esta estación do ano. Quedoulles ben chulo, non si?

28 de outubro de 2015

OUTONO LITERARIO EN 5º E 6º DE PRIMARIA

Aquí tedes as creación do alumnado de 5º e 6º de primaria...







OUTONO LITERARIO EN 4º DE PRIMARIA

Aquí tedes os poemas e os froitos do alumnado de 4º de primaria. Mirade!!!



OUTONO EN 3º DE PRIMARIA

Agora é o turno dos nenos e nenas de 3º de primaria. Estes son os seus poemas e froitos!!!



OUTONO EN 2º DE PRIMARIA

Os nenos e nenas de 2º de primaria decoraron este poema outonal e escribiron sobre o outono no seu froito. Mirade que ben o fixeron!



27 de outubro de 2015

MAIS OUTONO LITERARIO

Agora é o turno dos nenos e nenas de 1º. Gústanvos?




OUTONO LITERARIO

Tal e como nos pedira Rosendo, os nenos e nenas de infantil fixeron os seus froitos outonais a partir dun poema. Mirade que ben lles quedaron!

27 de setembro de 2015

QUE QUERERÁ ROSENDO?

Ola a todos e a todas! Xa estamos de volta o Equipo da Biblioteca e Rosendo para argallar moitas actividades e para divertirnos lendo. Rosendo xa se puxo a escribir e tennos algo que contar. Que será?




17 de setembro de 2015

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso 2015/2016 para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A imaxe responde á interpretación do lema elixido por parte do ilustrador e autor de banda deseñada FRAN BUENO.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.

10 de setembro de 2015

ESTAMOS DE VOLTA!!!

Comezamos unha nova aventura, apúntaste?






19 de xuño de 2015

18 de xuño de 2015

LECTURAS PARA O VERÁN

No CEIP Plurilingüe Andrade recomendan estas lecturas que nos parecen do máis interesante. Animádevos a ler!

24 de maio de 2015

PREMIADOS NO CERTAME LETRAS GALEGAS 2015

Este venres foi a entrega de premios do Certame convocado pola ANPA do noso Centro. Noraboa a tod@s! é unha ledicia saber que contamos con grandes artistas entre o noso alumnado. Grazas e dende aquí animarvos a seguir participando neste certame.

Aquí tedes as fotos do acto de entrega:

21 de maio de 2015

NOVO MARCAPÁXINAS

O Equipo de Normalización Lingüística do noso centro fainos un novo agasallo, esta vez para os nenos e nenas de primaria. Trátase dun novo marcapáxinas... a que está chulo?

8 de maio de 2015

LETRAS GALEGAS 2015

Este ano o día das Letras Galegas está adicado a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Para coñecer máis sobre este autor, o Seminario Galán ofrecenos distintas actividades, tanto online como en pdf (para imprimir). Tamén fotos e carteis. Clica nas distintas fotos sobre Filgueira Valverde e accede as actividades online.

BIOGRAFÍA



INFANTIL



1º e 2º DE PRIMARIA


3º E 4º DE PRIMARIA



5º E 6º DE PRIMARIA




Actividades e documentos en pdf:

INFANTIL

1º CICLO DE PRIMARIA

2º CICLO DE PRIMARIA

3º CICLO DE PRIMARIA

OUTROS

VIDEO SOBRE O AUTOR




Dende aquí queremos darlle as grazas e a noraboa ao Seminario Galán polo seu traballo.

26 de abril de 2015

XXVIIIº CERTAME LITERARIO-ARTÍSTICO

A A.N.P.A do noso centro convoca o XXVIII certame Literario-artístico conmemorativo das Letras Galegas 2015. Estas son as bases:

-Poderá participar todo o alumnado do Centro.

-A lingua empregada será a Lingua Galega.

O prazo de presentación dos traballos rematará o día 15 de Maio de 2015.

MODALIDADES

a) CREACIÓN LITERARIA: Poderán presentarse poemas, narracións, contos... O traballo será elaborado de FORMA individual.

b) CREACIÓN ARTÍSTICO-PLÁSTICA: Poderán presentarse traballos de pintura, debuxo ou cómic. O traballo será elaborado de forma individual ou, COMO máximo, por DÚAS persoas.

c) CREACIÓN MUSICAL: Poderán presentarse cancións con letra e con música inéditas ou xa coñecidas. A canción presentarase gravada, cun máximo de CINCO persoas por grupo.

TEMA LIBRE

NORMAS:

A) De todos os traballos haberá que presentar un orixinal, sen firma e cos DATOS (nome e apelidos e curso) de CADA participante nun sobre pechado e unido ó traballo.
B) Nos traballos de creación artístico-plástica admítense todo TIPO de técnicas.
C) Nos traballos de creación musical admítense todo tipo de estilos musicais.
D) O xurado estará formado por membros do Equipo de Dinamización Lingüística, así como o seu fallo será inapelable.

Animádevos a participar!!!

ACTIVIDADES NO DÍA DO LIBRO

O Equipo de Normalización Lingüística do noso centro regalounos a todos os nenos/as e profesores un marcapáxinas de Castelao coas súas obras máis representativas e un poema deste autor, "Lela". Grazas polo marcapáxinas, darémoslle uso!


Se queredes escoitar este poema con música, podedes ver o seguinte vídeo:



O alumnado do 1º ciclo de primaria foi visitar a biblioteca Municipal neste día tan destacado:


E por último,tamén quixemos saber cales son os libros preferidos dos nosos nenos e nenas. Así que Rosendo pediulles a todos que trouxesen o seu libro favorito para facerse unha foto con el. Dentro de nada veredes que fotos máis chulas e podedes coller ideas para saber que libro vos gustaría ler.


22 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO 2015

Para celebrar o día do Libro Rosendo, a nosa mascota, e o equipo de biblioteca preparamos unhas cestas con libros da biblioteca para levalas ás distintas aulas. Achegamos así a biblioteca a todos e a todas. Despois faremos unhas fotos para saber cales son os seus libros favoritos e expoñerémolas na biblioteca... Mentras tanto mirade cantas razóns temos para ler ... aínda que aquí non están todas. Podedes pensar vos en algunha máis?



Este libro é 101 razones para leer da editorial Anaya

15 de abril de 2015

ANIVERSARIO DO QUIXOTE


En 1615 publicouse a "Segvnda parte del Ingenioso Cavallero Don Qvixote de la Mancha". Estamos pois de aniversario. O Día do Libro está póximo e se queremos traballar sobre o Quixote, aquí temos unha serie de recursos que nos poden axudar:



Páxina moi completa con xogos, información, fichas,...



Varias actividades dentro deste blog tan interesante:



Dende o blog Aulatic están a participar nun proxecto colaborativo: "O Quixote e as Tics". Non deixedes de visitalo.




Capítulos da serie de televisión "Don quijote de la Mancha":


LER EN FAMILIA

Dende o Equipo de Biblioteca e con axuda de Rosendo estamos a preparar unha actividade coa axuda das familias. A idea é que os nenos e nenas lean cos seu pais, nais, avós,... e que xuntos disfruten dun momento compartido e especial.
Imos achegar ás familias un folleto informativo e lles pedimos colaboración, posto que nestes días o alumnado vai levar os libros que Rosendo enviou a cada clase para facilitarlles a súa lectura.

9 de abril de 2015

150 ANOS DE ALICIA EN EL PAÍS DE LAS MARAVILLAS

Alicia en el país de las maravillas ten moito de filosofía e de filoloxía, pero sobretodo de xogo, de fantasía e de literatura. Non perdades ocasión de ler este libro.

2 de abril de 2015

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2015

O 2 de abril de 1805 naceu en Odense, Dinamarca, o escritor e poeta Hans Christian Andersen. Dende 1967, coincidindo con esta data, o IBBY (organización internacional para o libro xuvenil) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (International Children's Book Day) co fin de promocionar os libros e a lectura.
Tódolos anos, unha sección nacional do IBBY patrocina este día e elixe a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para crear unha mensaxe que chegue a tódolos lectores. 2015 é o ano dos Emiratos Árabes Unidos. Nasim Abaeian é a ilustradora elexida para deseñar o cartel e Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi escribiu a mensaxe deste ano que leva por título "Moitas culturas, unha historia".




MOITAS CULTURAS, UNHA HISTORIA


"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias"
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia."

Escrito por: Marwa Al Aqroubi
Traducido ao galego por Antía Marante e Sabela González.


2 de marzo de 2015

ILUSTRAMOS POEMAS DE ROSALÍA

Dende o Equipo de Biblioteca propuxémoslles aos nosos alumnos que ilustrasen algúns dos poemas de Rosalía. Estes son os resultado. Mirade que ben o fixeron!

4º e 5º de Infantil



6º de Infantil




1º Ciclo de Primaria




3º de Primaria




4º de Primaria




5º e 6º de Primaria

24 de febreiro de 2015

MANIFESTO DA AELG NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2015

Daquelas que cantan soias coa tea da ausencia nas mans, dise que teñen ideas loucas. Mais eu, que tamén enredo soia versos desatados, sei que todas levamos dentro algunha fiandeira solitaria. Algunha Rosalía de múltiples formas. De estranas feituras e cores incertas. Así, esta voz é, sobre todo, a súa. O eu lírico que fala permanece cosido ás nosas Rosalías interiores.

Ás Rosalías de cen follas, poliédricas e complexas. Intimistas e sociais, populares e cultas, melancólicas e valentes, sensibles, feras, costeiras e do interior, nais e fillas, mulleres, homes, nenas, presentes e emigrantes... Todas pespuntadas á mesma alma poeta. Rosalía sempre!

Rosalías que, case sempre, tecemos cara dentro. Pero hoxe non! Hoxe un exército de Rosalías insubmisas decidimos subir á escena das rúas para ceibar os fíos que nos oprimían; en forma de canto.

Cortaremos o silencio dos nobelos individuais e erixiremos un papavento de entusiasmo colectivo: unha bandeira de Follas Novas, con raíces aéreas que suxeiten os cuadros encantadores que se atopan no rincón máis escondido e olvidado. Cadros con meniñas gaiteiras, campás, retrancas e romarías. Mais tamén con rebeldía fronte á inxustiza e concepción contemporánea; proa e vangarda, por campiñas e por veigas (...) camiño da ribeira.

Ánimo, compañeiras! Arriba todas, rapaciñas do lugar. Nós somos arpa de soio dúas cordas, a imaxinación i o sentimento. Que o seu son se disolva, pois, nunha mesma música, nun himno común. Porque celebrar o nacemento de Rosalía de Castro é festexar o perpetuo renacer deste país que nos acolle e identifica; é aturuxar con orgullo na nosa lingua e sentir que formamos parte dunha comunidade poética, por enriba de calquera circunstancia.

Por enriba de calquera circunstancia todas as galegas e galegos somos Rosalía! E hoxe, máis que nunca, debemos deixar que a súa voz fale en cada unha, en cada un de nós.

Hoxe a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega é Rosalía porque pretende que o Rexurdimento da súa, nosa literatura, sexa un estado permanente. E que esa forza nos pida, nos mande que cante e que cante / na lingua que eu falo. / Nos vosos tormentos, / nos vosos pesares. / Coidá que comenso...”

Temos infinitos motivos para ser Rosalía, hoxe e os demais días do ano. Non esquezamos, pois, o brando compás das súas palabras e berrémolas co son da pandeira e do tambor! Medrando nas voces veciñas. Has de cantar, Rosalía!

Rosalía Fernández Rial, no nome do Consello Directivo da AELG

ROSALÍA É MUNDIAL

Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoveron unha iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”. Na páxina da Fundación e Casa museo de Rosalía temos estas traduccións.Clica na imaxe.


DÍA DE ROSALÍA

Hoxe, 24 de febreiro, celebramos unha data moi especial: o Día de Rosalía. Este ano, nas aulas estivemos ilustrando algúns dos poemas de Rosalía. A verdade é que os rapaces esmeráronse moito e quedaron moi ben. Máis adiante poñeremos aquí no blog os traballos para que vexades que non esaxero nada. Con todos estes traballos imos facer un libro para a biblioteca para que todos o poidades ver e desfrutar.

De momento imos poñer un dos poemas máis coñecido de Rosalía: Airiños, airiños, aires Poema de Rosalía de Castro (Cantares Galegos 1863) musicado e cantado por Amancio Prada e as Pandereteiras de Baio.

22 de febreiro de 2015

RECURSOS SOBRE ROSALÍA

Poemas de Rosalía publicados polo concello de Vigo:



Rabuñando novos cantares con Rosalía. Material da biblioteca Caracolatola. CEIP Alexandre Bóveda. Algúns recursos e actividades.



Presentación sobre Rosalía:

19 de febreiro de 2015

PREMIADOS NO CONCURSO DE CARTAS DE AMOR

Aquí temos as fotos dos premiados no concurso. Noraboa a todos por participar e dende aquí vos animamos a seguir participando.
A entrega celebrouse na biblioteca o día 13 de febreiro, día que celebramos tamén o entroido... de ahí o guapos que estaban os presentadores!!!


1 de febreiro de 2015

DÍA DA PAZ

Este venres, 30 de xaneiro, celebramos o Día Escolar da Paz. Rosendo, a nosa mascota da biblioteca pedira a tódolos nenos e nenas do centro que trouxesen distintas mensaxes sobre o tema e así o fixeron. Na entrada da biblioteca temos as mensaxes que recibimos. Graciñas a todos e todas de parte de Rosendo e do equipo da biblioteca polas vosas aportacións!!!

25 de xaneiro de 2015

18 de xaneiro de 2015

DICCIONARIO EN CATRO LINGUAS

Lembrádesvos do diccionario que entre todos fixemos aquí no noso colexio? Témolo á venda no centro. Se queredes ter un exemplar xa sabedes...

CONCURSO DE CARTAS DE AMOR

Xa temos aquí a convocatoria deste ano para o Concurso de cartas de Amor. Clicade nesta imaxe para coñecer as bases:


Non deixedes de participar!!!