22 de decembro de 2012

FELICES FESTAS!


20 de decembro de 2012

200 ANOS DOS IRMÁNS GRIMM

Un fermoso homenaxe á literatura infantil. 20 de decembro: 200 aniversario dos Contos dos irmáns Grimm. Trátase dunha adaptación do conto "Carapuchiña Vermella"

 

18 de decembro de 2012

CONTO: O APALPADOR

Os nenos de catro e cinco anos fomos á Biblioteca. E como hai rumores de que podemos recibir esta semana a visita do Apalpador era necesario coñecer a historia deste personaxe. A profe Oliva contounos o conto e tamén cantamos a canción do Apalpador.

 

15 de decembro de 2012

PARABÉNS ALBA

A nosa alumna de 4º de ESO , Alba García Bouza , acadou o  1º Premio  para alumnos e alumnas de  Secundaria no 5º Concurso 
de relatos curtos sobre ciencia: Ciencia que conta.

 Este  concurso  estaba  convocado pola Fundación Pedro Barrie e a Universidade de Vigo . Presentou un fermoso e emotivo relato titulado: As cores de África. 

O seu relato leuse no programa Efervescencia. En canto suban o programa á rede poderédelo escoitar  e disfrutar porque estou segura que vos vai encantar.






13 de decembro de 2012

Dá gusto entrar na biblioteca!

Dá gusto entrar na biblioteca cando está chea de xente, cando está animada, cando o ruído que se oe non molesta, cando len, estudian, falan ou comentan algo cos compañeir@s que teñen ao lado.
 Nas últimas xornadas de Bibliotecas Escolares aconsellaban chamalle "Bablateca" e poñer un cartel "Permítese falar"
  Dá gusto entrar na biblioteca cando hai moitos nenos e nenas,  cando van porque queren, porque se senten a gusto, e as persoas encargadas da biblioteca acollen tan ben a tod@s.




Todo isto foi o que vin cando entrei hoxe na hora do recreo!

12 de decembro de 2012

CELSO EMILIO FERREIRO

Na clase de cinco anos eleximos este poema de Celso Emilio.

 




Celso Emilio Ferreiro 12-12-2012

13 de novembro de 2012

MOCHILAS VIAXEIRAS: CONTO


Os libros gustan da viaxe e da  sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.
A mochila viaxeira está pensada para que, desde a Biblioteca Escolar, se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e así proporcionar un motivo de encontro entre os distintos membros desta, tomando como motivo o mundo dos libros e da lectura.
A mochila é o soporte que permite aos rapaces e rapazas levar á súa casa, en préstamo temporal, uns materiais que reforcen o vínculo entre familia e escola na súa labor común para a formación dos lectores máis novos.
Así que un curso máis a mochila viaxeira sae da BIBLIOTECA cara as casas do alumnado.  ¡Que o drisfutedes!
A Xulián encantoulle este conto que ía na mochila.
Mirade que ben o conta!

4 de novembro de 2012

OUTRA EDUCACIÓN É POSIBLE

Grazas a Jurjo Torres soubemos deste vídeo sobre o sistema educativo de Finlandia.


31 de outubro de 2012

COMEMEDOS

Na Biblioteca está o COMEMEDOS un personaxe que creamos entre todos os cursos de infantil e primaria e que esperamos que nos libre de todos os medos.
Hoxe na clase de cinco anos debuxamos e escribimos nun folio a qué lle tíñamos medo e despois levamos os nosos medos ao COMEMEDOS que os tragou todos nun plis-plas.

BUSCANDO INFORMACIÓN PARA O PROXECTO DO CORPO HUMANO

Hoxe os científicos de cinco anos visitamos a Biblioteca para buscar información para o noso proxecto: "O corpo humano". Queremos saber o que ten o corpo por dentro.
Non buscamos no sitio dos contos, buscamos onde están os libros da ciencia, os libros que utilizan os maiores.
Atopamos uns libros moi interesantes que levamos para a nosa clase, neles seguro que atopamos a información que buscamos. Terémolos varios días.





16 de outubro de 2012

Guía de lectura sobre hiperactividad

Grazas a Cristina Novoa  coñecemos  unha guía de lectura sobre hiperactividad publicada en bibliotecas Gijón  moi interesante tentaremos mercar para a biblioteca parte do material

Hiperactivos

11 de outubro de 2012

KALANDRAKA, PREMIO NACIONAL Á MELLOR LABOR EDITORIAL 2012

 O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle á editorial galega Kalandraka o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 polo "compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía", cualificando a editorial como "un referente en España e no estranxeiro".

 Esta é a primeira vez que unha editorial especializada en literatura Infantil e xuvenil recibe este galardón. Alegrámonos moito xa que na Biblioteca é unha das nosas editoriais preferidas. Noraboa Kalandraka!"

Kalandraka                                         Premio Nacional a la mejor labor editorial 2012 on PhotoPeach

11 de setembro de 2012

FELIZ CURSO 2012-2013

As palabras, donde sonoridade e significado conflúen.
Non son só sons ou símbolos escritos. Son unha forza; constitúen o poder que tés para expresar e comunicar, para pensar...
As palabras son a ferramenta máis poderosa que tés como ser humano, o instrumento da maxia, pero son como unha espada de doble fío; poden crear o soño máis fermoso ou destruír todo o que te rodea....
A mente humana é coma un campeiro fértil no que continuamente se están plantando sementes. As sementes son opinións, ideas e conceptos. Ti plantas unha semente, un pensamento, e este medra.
As palabras son coma sementes , e a mente humana é moi fértil!
(Ruiz,1998)
(Texto sacado do libro "La artesanía de la comunicación" de Isabel Ferrer Serrahima)

10 de xuño de 2012

O PASEO DE ROSALÍA

Kalandraka recupera este clásico de 1968: Libro Destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América.
 O paseo de Rosalía de Pat Hutchins. Apenas contén texto porque non é necesario, as imaxes teñen a forza necesaria para seguir o relato paso a paso, cunha estrutura circular: o paseo da galiña Rosalía e o accidentado e humorístico axexo ao que a somete un raposo que a persegue sen que ela se decate do perigo.
A galiña Rosalía saíu pasear, atravesou a eira, rodeou a poza...



Despois de lelo na Biblioteca e na clase viaxou polas casas dos nenos e nenas de Infantil
Tod@s  contaron o conto na clase á súa maneira. 
Podedes escoitar os contos no blog de Infantil de catro anos remendos

17 de maio de 2012

VOARES DE ESPERANZA


Agustín Fernández Paz  é o autor deste manifesto   en defensa da lingua 



Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
            Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposiciónliberdadebilingüenormalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.


16 de maio de 2012

LER EN FAMILIA

Esta semana das LETRAS GALEGAS saíron os libros da Biblioteca. 
Quixemos acercalos máis a todas as familias e animalos a que elexiran un libro para ler cos seus fillos/as.

14 de maio de 2012

LETRAS GALEGAS 2012

Xa sabedes que este ano o Día das Letras Galegas adícase a Valentín Paz Andrade. Preme na imaxe e poderás acceder a un montón de recursos recollidos pola Biblioteca Mestres Gondar, a quenes dende aquí dámolles as grazas.

5 de maio de 2012

FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Hoxe sábado a pesar do mal tempo acércamonos a Santiago para ver as novidades que se presentaban na feira do libro. 
Disfrutamos moito porque había marabillas.

Non vos esquezades de pasar pola "BibloCaxado" porque podedes atopar sorpresas!

23 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO

15 de abril de 2012

Como pode ser a escola no futuro?

 Vía  InnovArte Infantil descubrimos este vídeo no que  Francesco Tonucci  fala de como podería ser a escola do futuro

14 de abril de 2012

Valentín Paz Andrade

Para ir  empezando coa homenaxe a Valentín Paz Andrade
Pranto Matricial vía Son de Poetas

2 de abril de 2012

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL.

Todos os anos, o 2 de abril, o IBBY (International Board on Books for Young People) celebra o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, co fin de conmemorar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
 Cada ano é un país membro de dita Organización Internacional o encargado de editar o cartel anunciador e a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo.
 Para o 2012, a sección de México, distribue o cartel de Juán Gedovius. 
A mensaxe co lema: "Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro" é de Francisco Hinojosa.
 Colaboran con IBBY México: Estudio Urquiza, Goethe Institut y SREWeb.
Conto: "O parruliño feo" coa canción de Elton John "I want love". 


28 de marzo de 2012

Miguel Hernández


Hoxe lembramos a Miguel Hernández que faleceu o 28 de marzo de 1942
Un bo día para ler de novo a súa poesía e escoitar a Joan Manuel Serrat.
A miña preferida é: La nana de la cebolla









Recordamos tamén os contos que Miguel Hernández escribiu no cárcere para o seu fillo Manolito. Escribiu o conto en papel de periódico e ilustrouno un compañeiro de prisión , o mestre de escola Eusebio Oca. Esta animació fíxose a partir das ilustracións de Eusebio Oca está narrado por Luís García Guardiola




27 de marzo de 2012

Club de debate 2012



Parabéns aos nosos alumnos e alumnas de 4ºde ESO : Claudia, Edgar, Marina, Natalia, Pablo, Pilar e Xulio e ao seu coordinador Yago que participaron no Club de debate esta fin de semana e que conseguiron clasificarse para a final. Regalamoslles dende a biblioteca o poema de K. Kavafis porque o que estan vivindo coa preparación dos debates é " unha fermosa viaxe" un camiño cheo de experiencias e coñecemento"





Se fores iniciar a viaxe cara a Ítaca
roga que o teu camiño sexa longo,
rico en experiencias, en coñecemento.
A lexistróns e a Cíclopes
ou ao irado Poseidón xamais temas,
seres quen non has atopar no teu roteiro
se alto for o teu pensamento e limpa
a emoción do teu espírito e do teu corpo.
Nin lexistróns nin Cíclopes
nin ao fero Poseidón acharás nunca,
se non os levares dentro da túa alma,
se non for a túa alma quen ante ti os pon.

Roga que o teu camiño sexa logo,
que inúmeras sexan as mañás do verán
en que con pracer, felizmente
arribes a baías xamais antes olladas;
demórate nos emporios de Fenicia
e adquire fermosas mercadorías.
madreperla e coral, ámbar e ébano,
exquisitos e variados perfumes,
en perfumes voluptuosos e delicados inviste canto puideres;
visita moitas cidades de Exipto
e insaciable aprende dos seus sabios.
Preserva sempre na memoria Ítaca
o teu destino está nela.
Pero non apresures a viaxe .
Que ela se prolongue polos anos
e na túa vellez arribes á illa
cos bens que no pasado recadaches
sen agardar que Ítaca te enriqueza.
Ítaca regalouche unha fermosa viaxe.
Sen ela non terías iniciado o camiño.
Mais ningunha outra cousa che pode dar.
Aínda que pobre a encontrares Ítaca non te enganou.
Conforme rico en saber e en vida regresaches
así comprendes que significan as Ítacas
K. Kavafis







24 de marzo de 2012

QUE ESTÁS LENDO?

21 de marzo de 2012

DÍA DA POESÍA

Hoxe Día da Poesía despois do recreo estivemos na Biblioteca, no rincón da poesía. Alí temos a Álvaro Cunqueiro e a Rosalía de Castro. Os nenos e nenas de catro anos xa coñecemos alguns dos seus poemas.

Día Mundial da Sindrome de Down

A POESÍA É VERDADE

No ano de Celso Emilio unha poesía súa para celebrar o día mundial da poesía

A POESÍA É VERDADE
Un procura a verdade
por tódolos camiños, baixo as pedras,
nas raigames escuras das olladas,
máis alá das escumas i os solpores.
Busco a verdade en tí, rexa poesía
dos homes que labouran,
tacto real das cousas
que están e son, anque ninguén as vexa.
Home total,
que vas e vés sin sombra polas rúas
e tes a túa verdade nos curutos
do mundo, no profundo da historia,
na esperiencia de un día calisquera,
e non ves os paxaros nin as nubes
nin as lonxíncoas maus do vento dondo
que acariñan o mundo dende sempre.
Investiga a verdade do teu tempo
i alcontrarás a túa poesía.
Longa noite de pedra

29 de xaneiro de 2012

O PAPEL DO PROFESOR

 Este vídeo atopeino en Casa de tol@s

4 de xaneiro de 2012

Centenario Celso Emilio Ferreiro

Nace Celso Emilio o día catro de xaneiro de 1912 en Celanova, vila que constituirá un elemento axial na súa produción literaria.
A Fundación Celso Emilio Ferreiro conmemora o centenario do poeta celanovés que se celebra neste ano 2012. Desde este espazo quere contribuír a difundir o seu extraordinario legado así como dar a coñecer as actividades programadas para este acontecemento único e irrepetible.