23 de abril de 2010

DÍA DO LIBRO

Hoxe fixemos unha actividade diferente na biblioteca. Limos en voz alta o libro de "PÉTALA". Usamos o micrófono para que se nos escoitara ben e cada un de nós leu unha páxina.
Gustounos moito facer este tipo de lectura nun día tan sinalado como é "o día do libro".



Aquí podedes ver o fermoso libro que limos toda a clase de 1º de primaria. Recomendamos a súa lectura e que visitedes a miúdo esta estupenda biblioteca que temos no noso cole.

22 de abril de 2010

Gústame ler

2 de abril de 2010

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Xa estamos no mes de abril, mes de moita celebración arredor do libro e a lectura.
Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on Books for young people) vén de editar o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, correspondente ao ano 2010 e no que reza o lema Un libro espera por ti; búscao!
Nesta ocasión, a responsable da ilustración é a debuxante Noemí Villamuza e o autor do texto é o escritor Eliacer Cansino, ámbolos dous españois e de recoñecido prestixo no ámbito da literatura que xa poden ler os máis novos.
Pódese ler a mensaxe nas catro linguas oficiais do estado e tamén en inglés.
Había unha vez
un barquiño pequeneiro,
que non sabía,
que non podía
navegar.
Pasaron unha, dúas, tres,
catro, cinco, seis semanas,
e aquel barquiño,
e aquel barquiño
navegou.

Apréndese a xogar antes que a ler. E a cantar.
Os nenos da miña terra entoabamos esta canción cando aínda ningún de nós sabiamos ler.
Xuntabámonos en roda na rúa e, disputándonos as voces cos grilos do verán, cantabamos unha e outra vez a impotencia do barquiño que non sabía navegar.

Ás veces fabricabamos barquiños de papel e poñiámolos nas pozas e os barquiños afondaban sen conseguir alcanzar costa ningunha.

Eu tamén era un barco pequeno fondeado nas rúas do meu barrio.
Pasaba as tardes nunha azotea mirando como o sol se poñía polo poñente, e albiscaba ao lonxe —non sabía aínda se ao lonxe do espazo ou ao lonxe do corazón— un mundo marabilloso que se estendía alén de onde alcanzaba a miña vista.

Tras dunhas caixas, nun armario da miña casa, tamén había un libro pequeneiro que non podía navegar porque ninguén o lía.
Cantas veces pasei pola súa beira sen decatarme de súa existencia.
O barco de papel, atoado no lodo; o libro solitario, oculto no andel tras as caixas de cartón.
Un día, a miña man, buscando algo, bateu co lombo do libro.
Se eu fose libro contaríao así: “un día a man dun rapaz rozou a miña cuberta e eu sentín que despregaba as miñas velas e comezaba a navegar”.

¡Que sorpresa cando por fin os meus ollos tiveron en fronte aquel obxecto!
Era un pequeno libro de pastas vermellas e filigranas douradas. Abrino expectante como quen encontra un cofre e ansía saber o seu contido. E non foi para menos.
Nada máis empezar a ler comprendín que a aventura estaba servida: a valentía do protagonista, as personaxes bondadosas, os malvados, as ilustracións con frases a pé de páxina que miraba unha e outra vez, o perigo, as sorpresas…, todo me transportou a un mundo apaixonante e descoñecido.

Desa maneira descubrín que alén da miña casa había un río, e que tras do río había un mar e que no mar, esperando levantar áncora, un barco. O primeiro ao que subín chamábase La Hispaniola, pero o mesmo daría que se chamase Nautilus, Rocinante, a nave de Simbad, a barcaza de Huckleberry, ….todos eles, por máis que pase o tempo, estarán sempre á espera de que os ollos dun neno despreguen as súas velas e lle fagan levantar áncora.

Así que… non esperes máis, estende a túa man, toma un libro, ábreo, le: descubrirás, igual que na canción da miña infancia, que non hai barco, por pequeno que sexa, que en pouco tempo non aprenda a navegar.

Eliacer Cansino
Traducción Ánxela Gracián